FALEMOS DE BRUNDIBÁR
Brundibár (O abellón) é unha ópera infantil ambientada na antiga
Checoslovaquia no marco da Segunda Guerra Mundial e desenvolvida en dous actos,
que narra a loita de dous irmáns Aninka (Aniña) e Pepicek (Pepiño) por conseguir
os cartos precisos para mercar leite e, deste xeito, axudar na recuperación da
súa nai enferma. Brundibár, un organilleiro (na versión que nos ocupa,
acordeonista) personifica o egoísmo, o abuso do poder fronte aos mais débiles,
o autoritarismo, a falta de empatía e a vileza moral fronte aos valores de
solidariedade, compañeirismo, loita e defensa do territorio e contorna afectiva
representados por Aniña, Pepiño e quen os apoian (un can, un gato un gorrión e
a rapazada do pobo). É esta loita coa conseguinte derrota do opresor Brundibár
o que, de seguro, propiciou o seu éxito de representación xa que trasladaba a
actores e público aos seus mais íntimos anceios de liberdade.
Brundibár foi representada 55 veces en Terezín, unha antiga cidade
fortaleza da actual República Checa,
reconvertida durante a Segunda Guerra Mundial (en 1941) en gueto ou campo de
tránsito para os xudeus. Alí a reescribiu o seu compositor, Hans Krása
(1899-1944) colaborando activamente na súa representación mentres estivo
confinado e antes de ser deportado ao campo de concentración de Auswitch onde
morreu.
Outros artistas alentaron a formación dos nenos de Terezín ensinándolles a canalizar os seus medos e anceios a través do teatro, a pintura e a escritura. En dúas valixas rescatadas da morte e o esquecemento recuperáronse centos de debuxos e poemas que os nenos de Terezín realizaron alí durante a súa tráxica estancia. A maioría consérvanse no Museo Xudeu de Praga. Algunhas verémolas en exposición en Santiago co gallo da representación da ópera Brundibár na nosa cidade. Son unha mostra do que non debemos permitir, o sufrimento e a dor dos nenos en ningunha parte do mundo: a desaparición da derradeira bolboreta
No hay comentarios:
Publicar un comentario