viernes, 16 de diciembre de 2016



A última, a definitivamente derradeira
Tan viva, brillante, enfeitizadamente amarela
Quizás se as bágoas do sol puideran cantar
contra unha branca pedra…
Tan, tan amarela
Voando transportaba o seu resplandor tan alto…
Marchou, seino porque desexaba bicar o mundo
nun adeus.
Hai sete semanas que vivo aquí
encerrado neste gueto
Pero aquí atopei á miña xente.
Chámanme os dentes de león
e as brancas candeas de castiñeiro no patio.
Somentes nunca vin outra bolboreta
Aquela foi a derradeira
As bolboretas non viven aquí,
no gueto.

Poema “A bolboreta” escrita en Terezín en 1942 por Pavel Friedmann (1921-Auschwitz 1944)
Adaptación ao galego: Adela T. Maroño


                                            FALEMOS DE BRUNDIBÁR



Brundibár (O abellón) é unha ópera infantil ambientada na antiga Checoslovaquia no marco da Segunda Guerra Mundial e desenvolvida en dous actos, que narra a loita de dous irmáns Aninka (Aniña) e Pepicek (Pepiño) por conseguir os cartos precisos para mercar leite e, deste xeito, axudar na recuperación da súa nai enferma. Brundibár, un organilleiro (na versión que nos ocupa, acordeonista) personifica o egoísmo, o abuso do poder fronte aos mais débiles, o autoritarismo, a falta de empatía e a vileza moral fronte aos valores de solidariedade, compañeirismo, loita e defensa do territorio e contorna afectiva representados por Aniña, Pepiño e quen os apoian (un can, un gato un gorrión e a rapazada do pobo). É esta loita coa conseguinte derrota do opresor Brundibár o que, de seguro, propiciou o seu éxito de representación xa que trasladaba a actores e público aos seus mais íntimos anceios de liberdade.

Brundibár foi representada 55 veces en Terezín, unha antiga cidade fortaleza  da actual República Checa, reconvertida durante a Segunda Guerra Mundial (en 1941) en gueto ou campo de tránsito para os xudeus. Alí a reescribiu o seu compositor, Hans Krása (1899-1944) colaborando activamente na súa representación mentres estivo confinado e antes de ser deportado ao campo de concentración de Auswitch onde morreu.

Terezín pretendeu ser para o III Reich un instrumento de propaganda (sobre todo ante as presións internacionais), unha especie de campo-modelo onde, supostamente, os xudeus alí confinados (principalmente maiores de 65 anos; veteranos da Primeira Guerra Mundial e persoeiros de renome da vida cultural e social como músicos, artistas,…),   podían vivir seguros e desenvolver unha tranquila vida cotiá e culturalmente activa. A realidade resultou ser ben distinta, aínda que é certo que as condicións non eran comparables ás de outros campos de concentración ou exterminio, xa que en Terezín vivían baixo unha administración xudea, un Consello que organizaba os servizos municipais, sanitarios, a asignación do persoal nos destacamentos de traballo e a organización das actividades culturais, educativas e relixiosas, os datos confírmannos unha tráxica realidade: Dos arredor de 141.000 xudeus que entre 1941 e 1945, ingresaron no campo-gueto de Terezín procedentes de distintos lugares de Europa, preto de 33.000 morreron alí, no campo, vítimas principalmente das pésimas condicións de vida, fame e enfermidades; uns 88.000 foron levados a outros campos de concentración e exterminio. Dos 15.000 nenos e nenas que pasaron por Terezín só sobreviviron ao redor de 100.

Outros artistas alentaron a formación dos nenos de Terezín ensinándolles a canalizar os seus medos e anceios a través do teatro, a pintura e a escritura. En dúas valixas rescatadas da morte e o esquecemento recuperáronse centos de debuxos e poemas que os nenos de Terezín realizaron alí durante a súa tráxica estancia. A maioría consérvanse no Museo Xudeu de Praga.  Algunhas verémolas en exposición en Santiago co gallo da representación da ópera Brundibár na nosa cidade. Son unha mostra do que non debemos permitir, o sufrimento e a dor dos nenos en ningunha parte do mundo: a desaparición da derradeira bolboreta